Para aplicar ou adaptar algunhas das estratexias aquí propostas, elaboradas a partir da experiencia práctica dun grupo de profesorado de ESO e BAC en diversos centros educativos, recoméndase crear interseccións relevantes coa definición do rol docente e co impacto dos espazos físicos na experiencia educativa.
- Conflitos de tipo individual entre dúas persoas concretas (profesorado-alumnado). Para abordar estes problemas, a solución debe ser colectiva: o equipo docente debe deseñar e poñer en práctica a solución como un equipo. Isto pode implicar “meter moitas horas”, pero funciona.
- Problemas cun grupo en concreto cando levamos a titoría: debemos ter en conta que a nosa pre-disposición ao entrarmos á aula xa determinará as interaccións. Como ferramenta para melloralo, recomendan a conversa e a acción en equipo integral, con roles activos tanto do profesorado como das familias.
- Situacións de vulnerabilidade, emerxencia social ou perigo para a saúde mental: son as máis difíciles de xestionar. Hai protocolos sanitarios e psicosociais pero sempre queda “a espinita de se poderiamos facer máis…” A implicación emocional e o vínculo co alumnado requiren unha maior atención para o profesorado, xa que este sentimento os acompaña durante moito tempo e, nalgúns casos, pode precisar tamén de acompañamento terapéutico.
- Para abordar a falta de motivación ou de interese dalgunhas alumnas ou alumnos, unha estratexia é facer da aula como un espazo seguro: aberto e flexible, levar a materia á realidade, poñer en valor outro tipo de actividades (por exemplo, o voluntariado) Facendo patente en todo momento que non hai “fórmulas máxicas”, consideran que, baseándonos tamén nos resultados da actividade anterior sobre os espazos, isto pode contribuír a xerar un mellor ambiente.

A falta de motivación do alumnado e mesmo o cuestionamento ou negación de normas e roles, ten unha parte da súa orixe na visión do instituto como “un castigo”, un espazo negativo que esperta actitudes e comportamentos desafiantes e mesmo violentos contra quen o representa, isto é, o profesorado:
- Unha estratexia é contrarrestar esta visión no longo prazo, que vén determinada por experiencias anteriores e polo contexto familiar. Para facelo, traballaremos en integrar o erro ou a equivocación como parte da aprendizaxe pero nunca como unha fonte de humillación, e promoveremos a formación en cidadanía e valores para que o alumnado saia do sistema educativo sendo un membro activo, respectuoso e comprometido coa comunidade (“hai unha persoa por aí que non sabe mates, pero que é boa persoa”)
- As normas e respecto aos roles tamén poden vir determinadas por contextos alleos ao educativo. Sendo conscientes de que o contexto educativo é só unha parte da vida do alumnado e que moitas veces non podemos loitar contra todo, hai profesoras e profesoras que optan por reproducir códigos socio-culturais aos que xa saben que responde o alumnado (por exemplo, se hai un alumno que non recoñece a autoridade feminina, pedimos axuda a un profesor home para que reforce o noso rol)
- As respostas punitivas ou castigos son ferramentas de certa utilidade, pero que hai que aplicar de xeito moi coidadoso porque podemos obter a resposta contraria ou mesmo a creación de novos problemas (por exemplo, unha alumna ou alumno que ameaza con auto-lesións)
- Como dinámica xeral, cando se dan estas situacións, acordaremos e explicaremos sempre as normas en público, pero traballaremos en privado para buscar as solucións (non exposición ao resto do grupo, ou a outros grupos).
- A integración de necesidades diversas é un reto para o traballo docente, pero tamén para o alumnado que, moitas veces, non integra a diferencia e deixa fóra a quen non responde a certos estándares; isto pode derivar en situacións de acoso e/ou violencia. O profesorado considera que isto sempre é reversible porque “por separado son xeniais, pero en grupo…”, logo xorden algunhas propostas:
- Xerar e promover as interaccións significativas e positivas no grupo.
- Evitar os estándares, é dicir, que todo o mundo faga o mesmo, porque xeran frustración. Nestes casos é necesario traballar por proxectos e con obxectivos adaptados a cada persoa (ponse o exemplo da práctica instrumental en música)
- Cando hai que abordar temas complicados e o alumnado en xeral non está sensibilizado ou mesmo ten actitudes negacionistas cara certas realidades, compártense varias propostas:
- Os xogos de roles para abordar temas complicados, proxectando en personaxes e contextos ficticios para poñer a experiencia e as historias de vida no centro do proceso de aprendizaxe. Recoméndase, de todos xeitos, ter un bo coñecemento do alumnado, así como un plan de seguimento no caso de xurdir algunha situación delicada. Por exemplo, o que ocorreu en Boiro na materia de Economía no traballo para 8M, onde “a situación derivou de difícil a dura”. Usáronse os roles para traballar a desigualdade entre homes e mulleres e unha persoa compartiu a súa experiencia como vítima de violencia.
- Por mor do anterior, debemos planificar espazos de traballo individuais co alumnado que o preciso, máis aló do traballo en grupo.
- Recomendan poñer en valor o diálogo e a escoita, crear espazos e tempos dedicados a estas dúas actividades, e confrontar a visión de que temos que encher de procesos produtivos todo o noso tempo como docentes.
- Para traballar a autoestima do alumnado, por exemplo, con FPB, a proposta é buscar temas e cousas que lles interesan, que vínculen coa súa realidade, aínda que non teña que ver co currículo e que non sexan relevantes ou positivas para nós a nivel persoal (por exemplo, a caza), e despois están con mellor atitude para aprender. Proponse ferramentas como o “emocionómetro” ou os círculos de conversa.
- Por último, algúns retos ou situacións difíciles para as que polo momento non temos resposta:
- Como manter a motivación para nós mesmas/os.
- Cando un problema condutual dunha alumna ou alumno non se chega a resolver por moito esforzo e tempo que poñamos niso (“cambian de centro e perdémolos/as”)
- Os exames e probas de avaliación son un foco de estrés e ansiedade, porque hai facelas sempre e o alumnado evita ou elude presentarse.