KIT aprendizaxe aberta

Definición do rol docente

Este traballo recolle as conclusións da análise e o intercambio de coñecementos en dous grupos: un grupo de profesorado en activo en ESO e BAC, e un grupo de estudantes que se forman para exercer como docentes nun futuro próximo.

Ambos grupos definiron o rol docente a partir das interaccións co alumnado, sendo ambos puntos clave para definir o rol do outro. 

Os retos identificados céntranse nesta relación, como contexto no que se desenvolve unha experiencia ou un proceso de aprendizaxe.

O aspecto humano ou persoal aparece como un factor determinante, e o rol docente aparece debuxado como unha figura de impacto socio-cultural, máis aló de contidos e habilidades académicas.

Formación do profesorado.

A figura docente nos procesos educativos: proposta elaborada a partir da experiencia de profesorado de ESO e BAC.

  1. O traballo docente é “facer de guía e axudarlles a adquirir ou desenvolver competencias”, pero tamén actuar “como terapeutas, como psicólogas”. Aínda que non son profesionais, o alumnado precisa ás veces “alguén con quen falar, ou simplemente soltalo todo, como se fixesen un exorcismo”
  2. O punto anterior implica unha ruptura cos roles tradicionais, xa que acompañan na creación de capacidades pero tamén son unha figura “confidente”, percibida polo alumnado como alguén cercano que pode axudar a resolver moitas cousas.
  3. A actitude da persoa docente debe ser empática, esixente e práctica, acompañando así o proceso de aprendizaxe para extraer o mellor de cadaquén. Todo isto require un proceso de adaptación e revisión continuo.
  4. A relación entre profesorado e alumnado non é unha relación de igual a igual, “nós somos a autoridade”. É importante ser conscientes de que a nosa presencia tamén altera as dinámicas do grupo, e que non temos unha relación horizontal, porque o profesorado representa á institución en cuxo espazo están obrigadas e obrigados a estar todos os días (non están no instituto porque queren, é unha obriga)
  5. A análise de esta relación profesorado-alumnado introduce a conversa sobre a autoridade, o respecto e o medo. As interseccións entre os puntos anteriores axudan a definir ao profesorado como unha figura similar a “un adestrador dun equipo deportivo”: é unha figura de autoridade no grupo, aceptada así polo alumnado e respectada, pero que non é temida, é dicir, “non nos teñen medo, como nos pasaba a nós cando eramos estudantes”. Neste sentido, é preciso loitar contra o estereotipo de que “a escola é unha selva e non hai respecto, porque  a realidade é todo o contrario”.

Aínda así, hai que introducir un factor clave para o profesorado: a percepción do alumnado, que perciben ás persoas docentes como  “profesor ou profesora holograma”, que explica o feito de que o alumnado non sexa consciente da realidade humana e social das profesoras e profesores, isto é, como unha figura que aparece no horario lectivo e desaparece ao rematar as clases. Con todo, o alumnado adoita empatizar con certas situacións persoais do profesorado.

Aula.

Necesidades e expectativas do estudantado do MAES-USC.

  • O reto que identifican de cara á súa práctica docente no futuro é traballar e manter a empatía mentres cumpren coas obrigas profesionais, así como manter a motivación propia ao longo da vida profesional.
  • O punto de partida de calquera persoa que traballe como docente debe ser coñecer ben o seu alumnado para proporcionarlles a mellor experiencia de aprendizaxe; coñecer os intereses e motivacións do alumnado fará posible adaptármonos ás demandas emerxentes (ser capaces de captar a atención do alumnado e motivalo), e integrar as clases coa realidade para que as aprendizaxes sexan de utilidade. 
  • No que se refire ás interaccións sociais dentro do proceso de aprendizaxe, o principal reto é manter o equilibrio na relación co alumnado, ofrecer espazos de confianza pero sen deixar de marcar certos límites (respecto): como desenvolver unha relación de horizontalidade co alumnado pero establecendo límites, como atopar o equilibrio entre garantir a autonomía do alumnado e limitar actitudes e comportamentos inadecuados. Como estratexia, propoñen chegar a acordos e compromisos co alumnado no referido ás normas de funcionamento do grupo (en liña cos puntos 1, 2 e 4 do rol definido polo profesorado)

A maior dificultade identificada a partir da súa propia experiencia como alumnas/os é que o alumnado non confunda cercanía con permisividade, pero non provocar “temor” ou “medo” (en liña con punto 5 do rol definido polo profesorado)

  • É crucial para o proceso de aprendizaxe o desenvolvemento de aprendizaxes transversais en valores (ECG, actitudes e comportamentos, diversidade…), que adoitan quedar nun segundo plano, sobre todo en formacións dirixidas á profesionalización como a FP.