KIT aprendizaxe aberta

Que é o Kit Dixital de Aprendizaxe Aberta

O Kit Dixital de Aprendizaxe Aberta xorde como resposta á necesidade de actualizar os recursos que se producen no marco do proxecto EpDLab, logo é ao mesmo tempo un resultado e un proceso, un prototipo que estrutura a colaboración entre diferentes actores para producir un resultado común, a partir das achegas de grupos heteroxéneos; isto facilita a transferencia e adaptación a contextos diversos, e garante a pluralidade de visións tanto no proceso como no produto elaborado no mesmo.

Así, o deseño deste Kit plantexouse como un proceso de colaboración entre  varios axentes principais: o equipo técnico de Agareso, como coordinador e facilitador do proceso, o grupo Terceira Xeración (TeXe) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un grupo de estudantado do Máster de Profesorado da USC, da especialización de FP, o profesorado de Secundaria, tanto o profesorado participante en EpDLab como alleo, a Asociación Convives, e tamén un grupo do Grao de Educación Social da Universidade de A Coruña, que non estaba na proposta inicial deste proxecto pero que manifestou o seu interese en participar despois da presentación de EpDLab no congreso de novembro organizado polo grupo ECIGAL. Todo o proceso arrincou na formación para equipo técnico facilitada por Paloma Moruno e María Masaguer, de TeamLabs, que prestaron tamén asesoramento experto en diferentes fases deste proceso.

Formación do profesorado.

A finalidade deste traballo é dobre: dunha banda, é un traballo colaborativo orientado á produción dun resultado concreto e, doutra banda, é un proceso de investigación que permite explorar estratexias de participación e aprendizaxe en grupos heteroxéneos no eido da Educación. Deste xeito, cun percorrido destinado a crear un modelo ou prototipo de recurso dixital didáctico baseado na ECG e na alfabetización mediática, analizamos e experimentamos coas dinámicas de aprendizaxe e traballo colectivas dos diferentes sectores implicados. 

Ao longo deste proceso de traballo, xurdiron outras propostas e conclusións para enriquecer e mellorar o resultado; ao tratarse dun proxecto de acción-investigación, cada fase impulsa a posta en común de retos e oportunidades, tanto na colaboración de colectivos diversos como na difusión de recursos didácticos que respondan ás necesidades das e dos profesionais no eido da Educación. Velaí que falemos de prototipo, porque en cada punto do proceso engadiranse novas accións que son resultado do intercambio de saberes e experiencias, co obxectivo de co-deseñar un modelo coherente coas narrativas contemporáneas e que dea resposta ás necesidades cotiás do contexto educativo en toda a súa diversidade.