Educación e ODS
Índice
Contidos
Nesta sesión inicial construímos un marco común xeral para o desenvolvemento de todo o proxecto. Este marco inclúe unha primeira dinámica de deseño colectivo e mapeo das expectativas e necesidades do alumnado con respecto ás temáticas de EpDLab e da escola en xeral. Seguidamente, poñemos en valor o ensino como dereito universal, garante de oportunidades, e para a construción dunha cidadanía xusta e igualitaria no futuro. Tamén introducimos a perspectiva de xénero a partir da análise de estatísticas e mapas a fin de amosar como a desigualdade comeza dende a educación. Os ODS vehiculan o seguinte bloque no que acabamos amosando exemplos de mulleres activistas pola educación de cara a aportar ao alumnado, non só unha mirada crítica, senón tamén alternativas para o cambio social. Como primeiro traballo creativo o alumnado traducirá as súas conclusións en forma de fotografías con textos a modo de slogan coa app Phonto.
DURACIÓN: 100 minutos.
Obxectivos específicos
- Poñer en valor a educación como garante de oportunidades a partir de ferramentas de pensamento colaborativo
- Definir e consensuar un marco de acordos de cara ao desenvolvemento do proxecto ao longo do curso.
- Identificar os factores que inciden na desigualdade a nivel global incorporando a perspectiva de xénero de forma transversal.
- Coñecer os ODS e ser quen de identificar a súa relevancia de cara a fomentar á xustiza social dende o local pero con mirada global.
- Amosar que é o activismo a partir de mulleres novas coas que o alumnado se poida sentir identificado.
- Motivar ao alumnado a desenvolver a súa expresividade mediante ferramentas e formatos innovadores.
Medios e recursos necesarios
Medios:
Ordenador para docente e proxector
Smartphones
Folios
Rotuladores
Post-it pequenos de cores
Ferramentas web:
App de edición de edición de fotos Phonto: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.youthhr.phonto&hl=es&gl=US
Vídeos
Most Shocking Second a Day Video: https://youtu.be/RBQ-IoHfimQ
Huir del Clima: https://youtu.be/Jnd5AEA1_-w
¿Sabes cuáles son los 18 obejtivos de desarrollo sostenible?: https://youtu.be/bewINxvw3J0
La increíble historia de Malala: https://youtu.be/8SXPoGhGoX8
Dinámica de traballo
Actividade 0. Presentación (5’)
Para arrincar a sesión proxectamos os obxectivos da mesma situando así o mapa do que imos facer ao longo do obradoiro.
Actividade 1. Práctica: la educación que queremos (30’)
Este bloque componse de diferentes actividades, individuais e grupais e ten por obxectivo definir que é a educación para o grupo e como nos gustaría que fose.
1.1 Os nosos soños de futuro: parte 1
Individualmente deben anotar nun papel que cousas lles gustaría “facer” (aficións, intereses,…), “ser” (profesións,…) e “ter” dentro de 20 anos. Proxectando cara o futuro, cadaquén debe facer unha listaxe que non imos ler en alto. É un exercicio de reflexión individual que retomaremos máis adiante.
1.2 A educación en 3 pasos
Dividimos a aula en 4 grupos. Para axilizar, non fai falta que movan os pupitres, abonda con que se levanten e agrupen nos 4 recunchos. Neles, distribuímos un folio dividido en tres columnas. Deixamos tamén post-it pequenos de tres cores diferentes: amarelos, azuis e rosas. O exercicio comeza coa pregunta: se tivésemos que deseñar o sistema educativo, como sería? Dividimos a actividade en tres pasos, cada un destes pasos comeza cunha pregunta que deben contestar en 3 minutos. Pode haber máis dunha resposta por pregunta, o importante e que a/s resposta/s estean consensuadas en cada un dos grupos. Son as seguintes:
- Se tiveras que inventar unha nova materia que tiveran que aprender os nenos e as nenas de todas as idades, cal sería?
- Que capacidades ou habilidades vai precisar unha persoa dentro de 20 años?
- Que é o máis importante que aprendiches na escola?
As respostas a estas preguntas retómanse en grupo clase e facemos unha devolución destacando que a escola non son só materias senón que hai moitas aprendizaxes intanxibles como o respecto nas relacións persoais ou habilidades que son básicas para o futuro como ler e escribir ou ter máis autonomías na toma de decisións.
1.3 Compromisos EpDLab
Para rematar, en 5 minutos e en grupo-clase pechamos unha serie de acordos, tanto nosos como do grupo. Nós comprometémonos a ser puntuais, escoitar e respectar todas as opinións, responder as súas dúbidas e a ser flexibles cos tempos (en caso se haber debates). O grupo ten que decidir a que se compromete. O obxectivo e facer co-partícipe ao estudantado do funcionamento da actividade.
Actividade 2. Educación e Oportunidades (20’)
Este bloque componse de diferentes actividades, individuais e grupais e ten por obxectivo identificar o dereito á educación como garante de oportunidades:
2.1 Os nosos soños de futuro: parte 2
Comezamos retomando a listaxe realizada na actividade 1.1. En alto dicímoslles que imaxinen que perden un ano de escola. Habería algún dos soños desa lista que non se cumpriría? Se é así, deben riscar ese desexo da lista. Agora, facemos o mesmo pero perdendo tres anos. Por último, teñen que imaxinar que dende ese momento, o seu ensino remata. En voz alta (sen que teñan que ler as listaxes) comentamos como quedaron esas listas, cantos dos seu soños non se poderían cumprir sen escolarización?
Para acompañar esta reflexión, abrimos un bloque expositivo no que vemos os vídeos de Save The Children e CEAR. Tamén vemos mapas que amosan como isto que para nós foi un exercicio de aula, é unha realidade para moitas nenas e nenos no mundo. Especificamente, falamos de como no conxunto son as nenas as menos escolarizadas e dos motivos disto: casamentos forzosos, cargas familiares e de coidados, etc.
Actividade 3. ODS e ACTIVISMO (20’)
Neste bloque expositivo, vemos primeiro un vídeo da ONU que resume cales son os ODS. Falamos e explicamos que estes están encamiñados a resolver desigualdades como as que acabamos de ver. Enlazamos isto cos ODS que imos traballar ao longo do curso en EpDLab de forma específica. Rematamos o bloque vendo exemplos de activismos pola educación e proxectamos un breve vídeo sobre Malala. A reflexión que queremos que fagan e, se nun contexto difícil hai adolescentes que loitan polo dereito á educación, nós dende un lugar máis cómodo tamén podemos facelo.
Actividade 4. EXIT TICKET (5’)
Antes de pasar á práctica deben cubrir o seus exit ticket respondendo, de forma anónima, a unha destas tres preguntas:
- O obradoiro de hoxe resumido nunha frase
- Dúas Cousas que Aprendín Hoxe
- Antes pensaba e agora penso
Actividade 5. Práctica: fotografía (20′)
O exercicio consiste en realizar unha fotografía cun lema ou slogan relativos ao traballado ao longo da sesión en grupos de 3 ou 4 persoas. Para iso deben empregar a app Phonto. Para que lles sirva de axuda, dicímoslles que poden revisar todo o que teñan escrito nos folios das paredes ou no seu papel individual. As ideas poden ser:
- Sen o dereito á educación, nós seriamos/saberiamos… (respostas do que aprendín na escola)
- Queremos/reivindicamos/defendemos o dereito a unha educación… (materias obrigatorias)
- Porque queremos un futuro no que as persoas sexan… (habilidades)
A educación é un dereito porque…
Subxectividade, fake news e discurso de odio
Índice
Contidos
Nesta sesión traballaremos sobre o discurso dos medios dende a perspectiva da veracidade marcada polos prexuízos que definen aos colectivos minoritarios, ben sexa por país de procedencia, raza, relixión ou condición socio-cultural, e marcada, tamén, pola proliferación de bulos e rumores que fomentan o discurso de odio cara os máis vulnerables. Analizaremos diferentes noticias reais, tanto en prensa escrita como na rede e traballaremos cos conceptos de información, opinión, realidade, ficción e non-ficción, así como, sobre o uso dos recursos narrativos ao falar de comunidades minorizadas. Fixarémonos tamén en como o racismo nas súas diferentes formas constrúese, moitas veces, a través de rumores e bulos; das coñecidas como “Fake News”, e sobre como estes bulos xustifican a construción do discurso de odio. De maneira transversal, abordaremos a perspectiva de xénero sinalando como as mulleres teñen máis risco nos procesos migratorios a aportaremos referentes de activistas especializados en medios e migracións.
DURACIÓN: 100 minutos.
Obxectivos específicos
- Sensibilizar en torno aos prexuízos que determinan a nosa relación coas persoas doutro país, raza ou condición socio-cultural, e ser conscientes de como estas valoracións determinan a nosa visión da realidade.
- Coñecer os recursos que manexan os discursos informativos para presentar unha visión subxectiva e nesgada da realidade baixo a etiqueta de información obxectiva e non mediada.
- Fomentar unha actitude crítica fronte a mirada xenófoba que se agochan tras o discurso xeral dos medios, e activa de respecto á diferenza.
- Analizar e coñecer algunhas das formas máis comúns de difundir falsas informacións e como estas inciden especialmente nos colectivos máis vulnerables
- Motivar ao alumnado a desenvolver a súa expresividade mediante ferramentas e formatos innovadores.
- Coñecer e desenvolver a capacidade creativa e comunicativa a través de apps móbiles.
Medios e recursos necesarios
Recursos
Noticias extraídas de El Mundo Today:
- El 92% de la gente que escribe Jajaja no se ríe de verdad http://www.elmundotoday.com/2009/10/el-92-de-la-gente-que-escribe-jaja-en-internet-no-se-rie-de-verdad/
- Telecinco emite por error ocho segundos de un documental http://www.elmundotoday.com/2010/08/telecinco-emite-por-error-ocho-segundos-de-un-documental/
Noticias del blog Parece de El Mundo Today
- Le retiran el carnet de conducir y va a la universidad en el jeep de la Barbie https://cnnespanol.cnn.com/2015/09/04/estudiante-maneja-un-jeep-de-barbie-despues-de-ser-detenida-por-conducir-ebria/
Noticia de El Confidencial
- Un hombre lleva diez años recibiendo pizzas gratis que él nunca pide https://www.elconfidencial.com/alma-corazon-vida/2020-06-05/hombre-recibe-pizzas-domicilio-nunca-pidio_2625616/
Portadas de xornais (El País, El Mundo, La Razón, Público):
http://www.hufngtonpost.es/2012/11/15/portadas-huelga-14n_n_2134890.html
Medios:
Ordenador para docente e proxector
Smartphones
Ferramentas web:
App de edición de dobraxes MadLipz: https://madlipz.com/
Vídeos
6 consejos para que no te la cuelen: https://youtu.be/oM2KXjGLYNQ
Dinámica de traballo
Actividade 0. Posta en marcha de coñecementos . (5’)
Para arrincar proxectamos algunhas das respostas recolltdas no exit ticket do obradoiro anterior. Desta maneira recordamos o traballado e empregamos esta ferramenta de avaliación para a aprendizaxe.
Actividade 1. Práctica: verdadeiro ou falso . (20’)
Análise de mensaxes multimedia procedentes de diversos medios de comunicación, tanto dende o punto de vista textual como de imaxe e gráficos para reflexionar sobre o concepto de “subxectividade” e recoñecer os recursos que manexan os discursos informativos para presentar unha visión subxectiva e nesgada da realidade. Para iso comezamos cunha actividade práctica. Dividimos a clase en grupos de 2-4 persoas. Cada grupo ten unha ficha con dous exercicios:
- Teñen catro noticias e deben adiviñar cales son verdadeiras e cales falsas.
- Teñen unha portada dun xornal (do día despois a folga xeral) e deben dicir se esa portada estalles a contar que a folga foi un éxito ou un fracaso.
Ao rematar de cubrir esa folla, recollemos e imos resolvendo as preguntas mentres lemos as súas respostas. Analizamos tamén en grupo-clase os elementos que fan que unha noticia poida pasar por verdadeira aínda que non o sexa.
Coas portadas do día da folga xeral facemos algo similar, imos lendo as súas respostas e por que chegaron a esas conclusións incidindo na idea de que a visión das persoas que escriben a noticia sempre vai estar presente (subxectividade) e de que, ao mesmo tempo, a nosa experiencia, o que nós vivimos e pensamos, tamén determina que unha información nos pareza falsa ou verdadeira.
Actividade 2. Bulos e noticias falsas (20’)
Este bloque xira entorno a como e por que se difunden as noticias falsas. Centrámonos na análise das imaxes a para iso detémonos a falar dunha fotografía que tivo bastante percorrido no verán do 2017, dando pe a moitas mensaxes islamófobas e racistas e que foi, ademais, compartida por diferentes xornalistas Nesta parte, invitamos tamén a pararnos a pensar no poder que as imaxes xunto cunha interpretación malintencionada poden ter para inducir un pensamento e para construír mensaxes de odio nas redes.
2.1 Unha imaxe vale máis que mil palabras?
Este primeiro apartado funciona como “cebo”. Nel poñemos a imaxe da muller pasando ao carón dunha das vítimas dun atentado mentres mira o seu teléfono, aparentemente sen facer caso da persoa tendida no chan. Debaixo desta imaxe incluímos diferentes reaccións á imaxe en medios de comunicación e redes sociais e preguntámoslles se lles parecen xustificadas esas reaccións. Despois dámoslles a secuencia de fotos completa. Na imaxe que se viralizou a muller parecía camiñar indiferente pero só uns segundos despois hai outras imaxes nas que parece moi afectada polo que esta a ver. Igualmente, existen diferentes imaxes semellantes á que se viralizou pero nas que os protagonistas son persoas de raza branca. Por que só se viralizou a da muller?
2.2 Como identificar os Bulos ou Fake News
Neste bloque explicamos que son os bulos ou noticias falsas e por que existen. Vemos en grupo o vídeo “Consejos para que no te la cuelen” de Maldito Bulo e pasamos a repasar en grupo-clase os diferentes puntos do mesmo. Se ao longo da sesión ou na primeira práctica caeron nalgún destes “erros” retomámolo para reforzar.
Falamos de como detrás de todas as noticias falsas hai sempre intereses económicos ou ideolóxicos. Explicamos que estas dúas razóns están detrás de todas as noticias falsas ou fake-news. Tamén destacamos que normalmente para facer unha noticia falsa se aproveita algo real: no caso anterior, o atentado foi real e tamén foi real que a muller pasou por alí, pero esta realidade se descontextualiza e manipula para crear sensacionalismo e para que a xente saque conclusións equivocadas.
Actividade 3. Discurso de Odio (20’)
En grupo clase relacionamos os intereses ideolóxicos das noticias falsas coa difusión do discurso de odio. Para iso destacamos algunhas técnicas de manipulación e propaganda, como a do “elefante rosa”. Neste punto aproveitamos para introducir a perspectiva de xénero e tomamos como exemplo de “elefante rosa” as supostas denuncias falsas de violencia de xénero por parte das mulleres. A seguinte estratexia que analizamos e a do “marco de referencia”, fixar un marco de cifra irreais a fin de apoiar un determinado argumentos. Relacionamos estas técnicas con exemplos aparecidos en medios que están dirixidas ás persoas migrantes. A partir da lectura dalgunhas noticias falsas arredor da inmigración, destacamos como estas mensaxes repetidas queren construír un discurso contrario á tolerancia e a xustiza social. Rematamos este bloque cun pequeno test que resolvemos en grupo clase tamén sobre as persoas migrantes para acabar explicando como prexuízos e bulos están detrás da maioría de actitudes xenófobas.
Actividade 4. Activismos (5’)
Como en cada sesión, terminamos dándolles referencias de persoas que dende o activismo traballan por mudar a realidade ou que aportan unha visión diferente sobre a temática abordada ao longo da sesión. Neste caso son a xornalista Lucía Mbomio, o tamén xornalista Moha Gerehou, os irmáns Williams (futbolistas) e a actriz e humorista Asaari Bibang. Tamén lles damos dúas contas ou teléfonos cos que poden contrastar se reciben algún bulo: Verifica RTVE e Maldita.es
Actividade 5. Exit Ticket (5’)
Antes de pasar á práctica deben cubrir o seus exit ticket respondendo, de forma anónima, a unha destas tres preguntas:
- O obradoiro de hoxe resumido nunha frase
- Dúas Cousas que Aprendín Hoxe
- Antes pensaba e agora penso
Actividade 6. Dobraxes (25′)
A parte práctica deben realizala en grupos de 3 ou 4 persoas. Nela pedímoslles que coa app de Madlipz fagan unha dobraxe que resuma algunha das ideas traballadas ao longo da sesión: bulos, noticias falsas, discurso de odio, etc.
Materiais para descargar
As palabras importan: memes e linguaxe mediática
Índice
Contidos
Nesta sesión analizamos o papel da linguaxe informativa nas relacións sociais e culturais, é dicir, o impacto das mensaxes mediáticas na sociedade, poñendo o foco sobre representación da realidade migratoria, a diversidade e a convivencia intercultural. Ao falarmos de linguaxe, incluímos non só a textual mais tamén a das imaxes e o valor do contexto das narracións, relacionando todo isto coa experiencia do alumnado ao respecto. Dedicamos un espazo propio á xitanofobia xa que seguimos detectando grandes eivas de convivencia, non só entre alumnado senón na sociedade en xeral, a pesar de supor o colectivo cultural co que convivimos dende hai máis tempo. Todas estas temáticas son analizadas tamén dende a perspectiva de xénero e da exclusión social, a partir da igualdade de oportunidades, e introducimos o cambio climático a partir da súa relación cos movementos migratorios. Así, os ODS 5 (igualdade de xénero), 10 (redución das desigualdades) e o 13 (acción polo clima) formarán parte dos contidos de xeito transversal. A parte creativa da sesión será unha introdución á narrativa dixital mediante a elaboración de memes, como exercicio para traballar produción dixital consciente a través da coherencia entre imaxe e texto, do humor como ferramenta de denuncia e/ou reivindicación, e da comunicación como ferramenta para fomentar a empatía, o respecto e a igualdade.
DURACIÓN: 100 minutos.
Obxectivos específicos
- Traballar as habilidades de lectura crítica e sensibilización cara aos contidos informativos e a súa relación coa nosa realidade socio-cultural.
- Fomentar unha actitude aberta e inclusiva cara á diversidade socio-cultural, ao fenómeno migratorio e ás causas da desigualdade.
- Formar e sensibilizar ao alumnado en contra do racismo e a xenofobia en todas as súas formas, recoñecendo as expresións que promoven a igualdade das Persoas sexa cal sexa a súa orixe, cultura, raza ou relixión.
- Identificar as actitudes e as accións xenófobas, así como ser capaces de construír propostas activas cara a erradicación destas actitudes e accións discriminatorias.
- Fomentar unha actitude crítica e activa fronte ás manifestacións racistas, especialmente con aqueles estereotipos pexorativos cara as minorías culturais.
- Achegar ao alumnado as novas estruturas narrativas propias da web e a súa potencialidade para a participación e o cambio social.
- Motivar a desenvolver a expresividade con ferramentas e formatos innovadores.
Medios e recursos necesarios
Recursos
Contidos informativos:
14 inmigrantes protagonizan el primer salto de la valla de Melilla de 2015: http://politica.elpais.com/politica/2015/01/09/actualidad/1420814300_756873.html
La Guardia Civil aborta un nuevo asalto masivo a la valla de Melilla: http://www.elcorreo.com/bizkaia/politica/201502/01/varios-cientos-inmigrantes-intentan-20150201135118-rc.html
Récord de saltos en la valla: http://www.elmundo.es/espana/2015/05/29/5568aa3aca4741d5318b45a2.html
La Guardia Civil y Marruecos evitan que 400 inmigrantes salten la valla de Melilla: http://www.elmundo.es/espana/2015/05/01/5543a6c0e2704e3d458b457e.htm
La España silenciosa que sí acoge a jóvenes inmigrantes: https://elpais.com/sociedad/2019/11/16/actualidad/1573906615_115747.html
España mantiene sin papeles a casi 10.000 menores inmigrantes tutelados: https://elpais.com/politica/2019/11/18/actualidad/1574096323_979962.html
Tensión, niños, policía y protestas: siete días frente al centro de menores de Hortaleza en Madrid: https://elpais.com/ccaa/2019/11/05/madrid/1572937167_048250.html
Gritos, miedo y estrés en el interior del centro de menores de Hortaleza: https://elpais.com/ccaa/2019/11/15/madrid/1573822545_959847.html
Detenido un marroquí en Vilar de Santos (Ourense) con varias prendas de ropa falsificadas: http://www.20minutos.es/noticia/2566334/0/detenido-marroqui-vilar-santos-ourense-con-varias-prendas-ropafalsifcadas/
Medios:
Ordenador para docente e proxector
Smartphones
Ferramentas web:
App de elaboración de memes https://play.google.com/store/apps/details?id=com.zombodroid.MemeGenerator&hl=gl&gl=US
Vídeos:
Rosa Díez e e os galegos https://www.youtube.com/watch?v=HPgWFmnxDHk
“Migrar no es un delito”, vídeo de la CONGD de Euskadi: https://vimeo.com/157126381
“La historia de Gloria: el escape”, vídeo de UNICEF https://youtu.be/IxeuDHwe1Ds
“Corta con las etiquetas” (Red Acoge): https://youtu.be/zCc2yKyuEMY
“Telebasura no es Realidad” (a partir del minuto 0:28), vídeo de la campaña por el día del pueblo gitano del año 2016 de la Fundación Secretariado Gitano. https://www.youtube.com/watch?v=J2FRWcT9jiI&feature=youtu.be&t=28
“La pregunta de Samuel”, vídeo de la campaña por el día de pueblo gitano del año 2017 de la Fundación Secretariado Gitano. https://youtu.be/woKPB7tXP5g
“Racist Glasses (Part 1) | Rudy Mancuso & Anwar Jibawi” https://youtu.be/cKJO06CYxdA
Dinámica de traballo
Actividade 0. Posta en marcha de coñecementos . (5’)
Para arrincar proxectamos algunhas das respostas recollidas no exit ticket do obradoiro anterior. Desta maneira recordamos o traballado e empregamos esta ferramenta de avaliación para a aprendizaxe.
Actividade 1. Linguaxe e medios (20′)
Neste primeiro bloque analizamos mensaxes procedentes de diversos medios de comunicación, tanto dende o punto de vista textual como de imaxe e gráficos, para descubrir e coñecer as emocións asociadas ao uso dunha linguaxe determinada.
1.1 Prexuizos e Linguaxe (parte 1)
Proxección: Rosa Díez e os galegos https://www.youtube.com/watch?v=HPgWFmnxDHk
Visto o vídeo, deben pensar nas emocións que lles espertan estas palabras. Reflexionamos en grupo clase sobre o significado das palabras “prexuízo” e o cualificativo “pexorativo”. Se non as coñecen, buscamos o seu significado nun dicionario online (academia.gal)
1.2. A linguaxe das palabras e das imaxes.
Dividimos a clase en grupos de 2-4 persoas. Cada grupo ten unha ficha con dous exercicios:
- Repartimos varias noticias co texto esvaído de maneira que só se poden ler unhas cantas palabras. Segundo estas palabras, teñen que anotar cal cren que é a historia oculta. Que ocorre? Quen as protagoniza?
- Despois observan 2 fotografías. Ao mirar estas imaxes deben responder a dúas preguntas: se foran imaxes dunha serie, que tipo de serie sería? Que cres que está a pasar nese momento na serie?
En grupo clase retomamos as súas respostas. Ambas noticias falaban de migración e nos grupos habitualmente pensan que falan de ataques terroristas, guerras, atentados, etc. Isto serve para analizarmos a linguaxe comunmente asociada ás migracións: avalancha, ilegais, indocumentados… e como estas linguaxe conduce a ver ás persoas migrantes como “inimigos”. Facemos o mesmo exercicio con fotos, todas elas acompañan novas sobre menores estranxeiros non acompañados (MENA) resaltando como a percepción dunha realidade pode ser moi diferente segundo o tratamento que lle demos ás noticias e aos seus protagonistas.
Actividade 2. Migracións: un mapa global (15′)
O vídeo sirve para introducir este breve bloque expositivo no que a través de mapas e infografías falamos da complexidade dos movementos migratorio e de como reflicten os desequilibrios a nivel global. Introducimos tamén a perspectiva de xénero ao falar das estatísticas da trata de persoas. Completamos en función do tempo co visionado deste vídeo:
Actividade 3. As palabras importan (10′)
Para rematar o bloque lemos unha noticia do xornal “20 minutos” modificada por nós. Deben atopar onde está o erro. Unha vez atopado, vemos a noticia real no proxector o que nos serve para falar de como certos titulares xornalísticos serven para criminalizar colectivos culturais ou raciais. Vemos o vídeo de “inmigracionalismo” na aula.
Proxección: Corta con las etiquetas (https://youtu.be/zCc2yKyuEMY), da Red Acoge.
Actividade 4. Prexuizos e minorías culturais (20’)
Neste bloque imos traballar os prexuízos existentes na sociedade ou mesmo na aula con respecto ao pobo xitano. É importante que o alumando non saiba que imos falar de persoas xitanas e que o desvelemos case ao final do obradoiro. Durante este apartado faremos dous exercicios que non resolveremos ata máis adiante. Para realizar a actividade, cadaquén debe ter bolígrafo e papel xa que é unha actividade individual.
4.1 Imaxes desenfocadas: como te sentirías se estiveses no lugar destas persoas?
Comezamos traballando a empatía a partir dunha serie de imaxes de forma que imos amosando diferentes frases que dixo unha persoa que aparece desenfocada e da que non podemos recoñecer a que colectivo ou minoría cultural pertence. Cadaquén apunta que sentimentos lle esperta nun papel
4.2 Profesións e calidades: Que calidades pensas que debe ter alguén que desenvolve esta profesión?
Imos amosando as fotografías e lemos as frases que as acompañan. No mesmo papel deben apuntar de forma individual que adxectivos se lles veñen á cabeza para cada unha destas persoas. Por exemplo, detrás da avogada: esforzo, estudos, vontade de xustiza…
4.3 Prexuízos e Linguaxe
Antes de ler as resposta, reflexionamos sobre a linguaxe como ferramenta para identificar a realidade que nos rodea e, polo tanto, para transmitir os nosso sentimentos respecto a ela. Para iso retomamos as reflexións que saíran na actividade 1.1.
4.4 Resolución do exercicio.
En grupo clase vemos as fotos xa coas caras dos protagonistas visibles e descubrimos que son persoas xitanas. Pedímoslles que, en silencio, lean as súas respostas. Como vós sentistes lendo o que dicían eles? Despois proxectamos os adxectivos que apuntaran cadaquén. Son os adxectivos habituais para cando nos referimos ou pensamos nas persoas xitanas? Por que?
Vemos exemplos de persoas xitanas que son persoas públicas ou que traballan en diversos campos para sinalar que non todo é a imaxe que como sociedade temos construída. A poboación xitana, como calquera outra, e diversa e pese á discriminación está na maioría de ámbitos da sociedade.
4.5. As persoas xitanas nos medios
Breve exposición sobre como os medios constrúen unha imaxe estereotipada das persoas xitanas. Acompañamos esta exposición, en función do tempo, co visionado de dúas campañas de Fundación Secretariado Gitano:
- “Tele-Basura No Es Realidad”: https://www.youtube.com/watch?v=J2FRWcT9jiI&feature=youtu.be&t=28
- “La Pregunta de Samuel”: https://youtu.be/woKPB7tXP5g
Actividade 5. Prexuizos e discriminación (10′)
Breve exposición sobre as diferenzas e relacións entre estereotipos, prexuízos e discriminación para definir e entender estes conceptos. Para rematar proxectamos:
“Racist Glasses (Part 1) | Rudy Mancuso & Anwar Jibawi” https://youtu.be/cKJO06CYxdA
Actividade 6. Activismos (5’)
Como en casa sesión, terminamos dándolles referencias de persoas que dende o activismo traballan por mudar a realidade ou que aportan unha visión diferente sobre a temática abordada ao longo da sesión. Neste caso son a actriz Alba Flores e humorista Lamine Thior.
Actividade 7. Exit Ticket (5’)
Antes de pasar á práctica deben cubrir o seus exit ticket respondendo, de forma anónima, á pregunta: dúas cousas que aprendin hoxe.
Tamén deben valorar a súa participación nunha escala do 1-3.
Actividade 8. Memes contra o racismo (15’)
En grupos de 2-4 deben elaborar memes de denuncia e con recomendacións para unha linguaxe inclusiva que fomente a igualdade e o rexeitamento ao racismo en calquera das súas formas, ou memes nos que fagamos as nosas recomendacións aos xornalistas para unha linguaxe inclusiva e non discriminatoria. Para a creación dos memes empregaremos a app Meme Generator.
Materiais para descargar
Videocartas con República Dominicana
Índice
Contidos
Esta sesión busca achegar ao alumnado dos centros galegos á realidade dos países do Sur, así como á utilización das ferramentas TIC para promover e facilitar a comunicación entre as rapazas e rapaces separados por grandes distancias xeográficas. O obxectivo é coñecer máis de cerca a realidade de República Dominicana a través das narracións elaboradas polo alumnado do Batey la Balsa e da Escuela Montecristi nas que explicarán como é o seu día a día, amosan o seu barrio e súa escola, como pasan o tempo libre, que lles gusta facer, etc. Ademais, introduciremos na aula o traballo desenvolvido por Agareso e outras ONGD neste país caribeño. O ODS protagonista nesta sesión será o 17 (alianzas para lograr os obxectivos) xunto co 4 (educación de calidade), directamente relacionado co 10 (redución das desigualdades) e co 4 (igualdade de xénero).
DURACIÓN: 100 minutos.
Obxectivos específicos
- Dar a coñecer e sensibilizar ao alumnado galego sobre a realidade dos países do Sur, a través dun exemplo concreto das rapazas e rapaces do Batey La Balsa e da Escuela Montecristi.
- Fomentar o diálogo intercultural entre rapaces e rapazas a través das ferramentas TIC.
- Recoñecer e valorar a cooperación internacional como ferramenta para o desenvolvemento.
- Achegar ao alumnado á comunicación audiovisual e á información como ferramenta de transformación social.
- Promover a participación e o debate como medios de aprendizaxe e de desenvolvemento.
- Motivar ao alumnado a desenvolver a súa expresividade mediante ferramentas e formatos innovadores.
Medios e recursos necesarios
Medios:
Ordenador para docente e proxector
Smartphones
Ferramentas web:
App de edición de vídeo Inshot: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.camerasideas.instashot&hl=gl&gl=US
Recursos
Video Cartas enviadas polos rapaces do Batey la Balsa e da Escola de Montecristi. https://www.youtube.com/playlist?list=PLUQuAIX7dJs46EwrwylJ7Q_8060keC2Nq
Dinámica de traballo
Actividade 0. Posta en marcha de coñecementos (5’)
Para arrincar proxectamos algunhas das respostas recollidas no exit ticket do obradoiro anterior. Desta maneira recordamos o traballado e empregamos esta ferramenta de avaliación para a aprendizaxe.
Actividade 1. Coñecendo República Dominicana (10′)
Esta primeira actividade estará dedicada a saber que coñecen sobre a realidade dominicana o alumnado dos centros galegos e, tamén, a espertar interese e curiosidade. Para iso, en grupo-clase, iremos facendo preguntas sobre clima, poboación, xeografía… e comentando as respostas para despois contextualizalas.
Ao rematar este punto, pedímoslles que anoten nun papel algo que non sabían antes de RD e algo do que lle poderían falar a alguén de alí: como é o clima aquí, que festas temos, etc.
Actividade 2. Índice de desenvolvemento humano (10’)
Seguindo a mesma estrutura que na actividade anterior introducimos o concepto de desigualdade, baseándonos no acceso a educación, sanidade, servizos básicos e vivenda. Para iso valémonos do IDH explicando o que é e como se distribúe a nivel global.
Actividade 3. Desigualdade social (10’)
Do xeral pasamos ao particular vendo como se reflicten os indicadores anteriores nos bateys de onde é a rapazada que lles envía as videocartas. Tamén introducimos o concepto de Cooperación Internacional como un factor para reducir esta desigualdade a partir de proxectos concretos como o de mellora das vivendas no Batey la Balsa financiado por Cooperación Galega. Por últimos neste bloque, falamos de como esta desigualdade afecta máis a mulleres que aos homes e, en particular, falamos das altas taxas de embarazo adolescente no país centroamericano apuntando algunhas das súas causas e consecuencias.
Actividade 4. Activismos (10’)
Enlazando co anterior, falamos de como afecta a estrita lexislación da interrupción do embarazo en República Dominicana e de como os dereitos son tamén un factor de desigualdade.
Visionado: Trailer “Garantía de Vida”: https://youtu.be/dGiYlQkbHik
Vemos tamén algunhas imaxes a carteis de campañas realizadas nos Batey ao longo destes anos en proxectos de incidencia a prol da igualdade de xénero no marco dos programas de Cooperación Galega. Ao rematar deben anotar, no memos papel, algo que aprenderan e algo que poderían facer para loitar contra as desigualdades.
Actividade 5. Videocartas República Domininicana-Galicia (25′)
Este bloque servirá para coñecer á realidade de República Dominicana da man dun grupo de rapaces do Batey La Balsa. A actividade formúlase como unha viaxe ao Batey e comeza con un vídeo introdutorio. Unha vez rematado teñen a opción de “ver o que fan os rapaces no tempo de lecer” ou de “visitar o barrio”. Cada unha destas opcións lévanos a unha serie de vídeos nos que os rapaces e rapazas do Batey amosan o seu día a día. En grupo-clase imos escollendo a orde na que queremos velas. Cada unha destas videocartas falan dunha temática e, para reforzar as aprendizaxes, todas elas son vídeos interactivos nas que se integran preguntas, enlaces ou información extra. Tamén, nunha destas vídeocartas, anticipamos o obradoiro 6 falando da presenza e do papel que dende hai anos xoga Cooperación Galega de cara a confrontar os retos da Comunidade La Balsa.
Ao rematar, no mesmo papel, deben anotar polo menos unha cousa que compartan coa rapazada que viron nos vídeos e outra que lles diferencie.
Actividade 6. Exit Ticket (5’)
Antes de pasar á práctica deben cubrir o seus exit ticket respondendo, de forma anónima a unha destas preguntas:
- O obradoiro de hoxe resumido nunha frase
- Dúas Cousas que Aprendín Hoxe
- Antes pensaba e pregunta: dúas cousas que aprendin hoxe.
Tamén deben valorar a súa participación nunha escala do 1-3.
Actividade 7. Traballo Práctico (50’’)
Nesta última parte da sesión o obxectivo é que o estudantado participante faga uso das ferramentas tecnolóxicas para fomentar o diálogo máis aló das fronteiras xeográficas e xerar, así, un fluxo de comunicación entre o grupo do Batey La Balsa, a Escuela Montecristi e os centros participantes en Galicia.
A tarefa que deben facer é gravar unha vídeo-resposta para ás rapazas e rapaces de República Dominicana. En grupos de 2-4 deben gravar a súa vídeocarta na que poden falar libremente do que queiran, amosarlles onde viven, contarlles o que lles gusta facer, responder ás preguntas feitas dende República Dominicana ou facer algunha nova. Para isto poden basearse nas respostas que foron anotando individualmente ao longo da sesión.
Unha vez rematada a tarefa deben enviar as súas vídeocartas por correo ou por Whatsapp. Posteriormente, enviaremos as videocartas á República Dominicana para que poidan velas na aula.
Contrapublicidade e consumo responsable
Índice
Contidos
Nesta sesión traballaremos coas mensaxes publicitarias e as súas estratexias de comunicación, analizando especificamente a publicidade da industria alimentaria e a realidade socio-económica que vén asociada ás malas praxes das grandes compañías nos países do Sur.
Os contidos xirarán entorno a pegada ecolóxica e o impacto da deslocalización industrial no téxtil e na alimentación. Tamén falaremos de soberanía alimentaria e o consumo responsable, incidindo na trazabilidade dos produtos alimentarios que consumimos habitualmente. Para traballar este tema, utilizaremos a contrapublicidade: a subversión das mensaxes publicitarias, para a difusión de contidos que promovan unhas relacións xustas entre produtores e consumidores, entre o Norte e o Sur e que reivindiquen a sustentabilidade do sistema alimentario a niveis ecolóxicos e sociais. Existen multitude de exemplos desta técnica aplicada á denuncia e á reivindicación e nesta sesión comezaremos por analizar algunhas destas campañas para pasar a facer os nosos propios contra-anuncios. Deste modo, con esta actividade o itinerario gaña complexidade mediante a interrelación do ODS 12 (produción e consumo responsables) co 5 (igualdade de xénero), co 13 (acción polo clima) e co 17 (alianzas).
DURACIÓN: 100 minutos.
Obxectivos específicos
- Formar e sensibilizar ao alumnado en torno a conceptos como soberanía alimentaria, comercio xusto e relacións Norte-Sur.
- Coñecer os elementos que compoñen a retórica publicitaria e o seu potencial como ferramenta comunicativa, así como aprender a utilizar estes recursos para construír a nosas propias mensaxes.
- Fomentar unha actitude crítica e activa cara o consumo xusto e responsable, así como entender a súa relación coa desigualdade Norte-Sur.
- Motivar ao alumnado a desenvolver a súa expresividade mediante ferramentas e formatos innovadores.
Medios e recursos necesarios
Medios:
Ordenador para docente e proxector
Ordenador para alumnado (recomendado)
Smartphones
Ferramentas web:
Calculadora de pegada ecolóxica: http://www.footprintcalculator.org/home/es
“Tras la marca”, de Intermón Oxfam: https://www.behindthebrands.org/brands/
Canva versión escritorio: https://www.canva.com/
App Canva: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.canva.editor&hl=es
Vídeos
11 Trucos Publicitarios que te Sorprenderán: https://youtu.be/AKhFXTj9dqg
Contrapublicidade de KitKat, por Greenpeace: https://youtu.be/gcJF2EnFnyk
Alimentos Kilométricos: https://youtu.be/5kpYPWG3OKs
Dinámica de traballo
Actividade 0. Posta en marcha de coñecementos (5’)
Para arrincar proxectamos algunhas das respostas recollidas no exit ticket do obradoiro anterior. Desta maneira recordamos o traballado e empregamos esta ferramenta de avaliación para a aprendizaxe.
Actividade 1. Pegada Ecolóxica (20′)
Para introducir a cuestión do impacto do noso modelo de consumo, a primeira actividade consiste na realización de xeito individual dun test que mide a pegada ecolóxica. A ferramenta é: http://www.footprintcalculator.org/home/es. Trátase dun traballo individual e unha vez rematado, valoramos os resultados en grupo clase. A actividade sirve para destacar o enorme impacto medioambiental de actividades que temos normalizadas.
Rematamos este bloque cunha breve exposición sobre o impacto da industria téxtil con datos cuantificados pola ONU. Pedímoslles que busquen nas etiquetas da roupa que levan posta o país de procedencia. Despois vemos o mapa de fábricas e persoal traballador dunha gran empresa téxtil para falar da deslocalización e do grave impacto que ten o modelo de consumo de roupa no planeta, particularmente, nos países do Sur.
Na parte final deste bloque introducimos a perspectiva de xénero ao sinalar como nestas grandes fábricas de téxtil, as persoas que traballan son mulleres, moitas veces, en condicións moi malas o que repercute, aínda máis, na súa vulnerabilidade.
Actividade 2. Estratexias Publicitarias (20’)
Neste bloque expoñemos contidos ao redor do discurso publicitario analizando algunhas das estratexias máis habituais e dos recursos empregados para determinar actitudes e comportamentos. Todos os exemplos empregados pertencen a anuncios de alimentación dirixidos a xente nova. Este apartado céntrase no valor das imaxes en publicidade analizando como toda imaxe publicitaria está retocada e, polo tanto, non reflicte a realidade. Ao final da presentación vemos vídeos con diferentes trucos que se empregan en fotografía publicitaria para mellorar o aspecto dos produtos: “11 Trucos Publicitarios que te Sorprenderán”.
Actividade 3. Industria Alimentaria (20′)
3.1 O modelo agroindustrial
En grupo clase expoñemos algunhas das realidades que as grandes marcas non contan, sobre todo, no relativo ao impacto no medio das grandes marcas da industria agroalimentaria.
Proxectamos a contrapublicidade realizada por Greenpeace “Kit Kat: el chocolate crujiente que destruye los bosques” no que se denuncia como a deforestación provocada polo cultivo masivo de aceita de palma na selva de Borneo, en Indonesia, está a acabar co ecosistema onde habitan os orangutáns. O obxectivo é reflexionar sobre relación entre a desigualdade social, a irresponsabilidade das grandes compañías e as agresións ao medio ambiente.
Proxección: Kit Kat https://youtu.be/gcJF2EnFnyk
Pasamos a falar de como tan só 10 empresas controlan a maior parte do mercado global da alimentación a partir dun gráfico e explicamos as consecuencias sociais e medioambientais que o actual modelo agroindustrial ten a nivel global, enfocándonos nas praxes destas empresas en países empobrecidos.
3.2 Detrás das marcas?
Para rematar con esta actividade, facilitamos o enlace á ferramenta “Tras la Marca”, desenvolvida pola ONG Oxfam. Eliximos algunhas das marcas máis coñecidas e descubrimos quen é o seu propietario, a súa relación con outras compañías e a súa valoración segundo o respecto ao medio ambiente, aos dereitos das traballadoras e traballadores, as relacións de poder cos seus provedores, etc.
Actividade 4. Consumo responsable e activismol (10’)
O exercicio sérvenos introducir o significado de “consumo responsable” e outros conceptos relacionados. Neste aportamos tamén alternativas de consumo con menor impacto e amosamos exemplos de dúas activistas: Vanessa Nakate e Greta Thunberg. Tamén falamos de ONGDs que traballan en Galicia polo coidado do medio e das posibilidades de voluntariado e activismo que ofrecen.
Actividade 5. Contrapublicidade (5’)
Explicamos que é a contrapublicidade a partir dos exemplos que vimos ao longo da sesión. Explicamos tamén que consiste en subverter a mensaxe dun anuncio alterando o significado para denunciar unha mala praxe pero mantendo a forma para que a marca que se denuncia sexa recoñecible. Amosamos traballos realizados outros anos por alumnado de EpdLab para que sirvan de inspiración de cara á parte práctica.
Actividade 6. Exit Ticket (5’)
Antes de pasar á práctica deben cubrir o seus exit ticket respondendo, de forma anónima, a unha destas tres preguntas:
- O obradoiro de hoxe resumido nunha frase
- Dúas Cousas que Aprendín Hoxe
- Antes pensaba e agora penso
Actividade 7. Traballo Práctico (20’)
A parte práctica desta sesión consiste no deseño dun cartel de contrapublicidade con Canva.
Para decidir os contidos dos seus contra-anuncios, recomendamos o uso da ferramenta “Tras la Marca”.
Materiais para descargar
Activismos e Cooperación Internacional
Índice
Contidos
Na derradeira sesión co alumnado, pechamos este itinerario formativo percorrendo o camiño inverso para rematar no marco creado no primeiro obradoiro: os ODS como axenda para loitar contra as desigualdades e erradicar a pobreza. O til estará esta vez no último, “Alianzas para lograr os obxectivos”, achegando así ao alumnado a diversas estratexias de participación social, a través do traballo de ONGD e da Cooperación Internacional, das organizacións civís e da cidadanía. Todo isto a partir de historias con nome e apelidos: coñeceremos activistas que traballan por acadar estas metas, especialmente dende os países empobrecidos ou dende os sectores máis vulnerables, en procesos nos que a comunicación e a creación artística son a ferramenta para a transformación social. Neste peche de obradoiros, daremos o protagonismo ás mulleres, para facer unha análise explícita da desigualdade e da loita por erradicala con perspectiva de xénero, cun enfoque intercultural e transversal a todas as temáticas abordadas durante o curso. Remataremos volvendo a reflexionar sobre o papel da Educación e dos proxectos de ECG na construción dun futuro onde non exista a pobreza nin a discriminación, a través dun Mural Común de Aprendizaxes que, á súa vez, servirá como avaliación cualitativa e como mapa emocional da experiencia do alumnado en EpDLab. O traballo práctico consistirá en equilibrar creatividade e mensaxe nun vídeo para redes (reel de Instagram ou TikTok) para fomentar o activismo entre a mocidade.
DURACIÓN: 100 minutos.
Obxectivos específicos
- Reflexionar e avaliar os contidos traballados durante estes meses e valorar a súa influencia nas nosas actitudes e comportamentos diarios.
- Formar e sensibilizar ao alumnado en torno a conceptos como a cooperación internacional, o voluntariado e a loita contra a desigualdade.
- Valorar o ensino como garante de equidade e de igualdade de oportunidades.
- Motivar ao alumnado a participar en asociacións ou colectivos que traballen pola xustiza social na súa contorna.
- Identificar a importancia que a cooperación e os dereitos humanos teñen para un futuro máis xusto e equitativo e o papel que nós, como individuos, xogamos na consecución destes obxectivos.
- Achegar ao alumnado aos ODS e reflexionar sobre a importancia das alianzas internacionais, así como sobre a relación entre as diferentes temáticas tratadas ao longo do proxecto.
- Motivar ao alumnado a desenvolver a súa expresividade mediante ferramentas e formatos innovadores.
- Coñecer e desenvolver a capacidade creativa e comunicativa a través de apps móbiles.
Medios e recursos necesarios
Medios:
Ordenador para docente e proxector
Ordenador para alumnado (recomendado)
Smartphones
Vídeos
¿Sabes cuáles son los 17 objetivos de desarrollo sostenible? https://youtu.be/bewINxvw3J0
Cambiamos vidas que cambian vidas: https://youtu.be/Qgl96whdKug
Ferramentas web:
Mural dixital: www.padlet.com
CONGD’s de Galicia: https://galiciasolidaria.org/
Web do servizo de Voluntariado Internacional: https://ccivs.org/members/?_sfm_member_country=Spain
Mapa de Proxectos de Voluntariado: https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1MgE0YvASj9N_IYRCCBzgkeiehL8&ll=-3.81666561775622e-14%2C37.477950199999896&z=2
Web do Injuve apartado de voluntariado: http://www.injuve.es/participacion-y-voluntariado
TikTok, app de creación de vídeos: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.zhiliaoapp.musically&hl=es
Dinámica de traballo
Actividade 0. Posta en marcha de coñecementos (5’)
Para arrincar proxectamos algunhas das respostas recollidas no exit ticket do obradoiro anterior. Desta maneira recordamos o traballado e empregamos esta ferramenta de avaliación para a aprendizaxe.
Actividade 1. Mural común de aprendizaxes (20′)
Esta actividade está pensada como repaso do aprendido. Para iso empregamos algúns dos traballos realizados polo alumnado que nos serven para exemplificar tanto temáticas como ferramentas empregadas. Como fío condutor empregamos os ODS. Comezamos preguntando se recordan que son, en función das respostas podemos ver o vídeo: “¿Sabes cuáles son los 17 objetivos de desarrollo sostenible?”.
Actividade 2. Activismos (15’)
2.1 Activismos
Neste bloque retomamos as diferentes persoas activistas que presentamos nestes meses a portamos algunhas máis da contorna dixital. Tamén salientamos os avances conseguidos por activistas, colectivos e organizacións nas últimas décadas. A mensaxe deste apartado é que os cambios suceden e que, de haber algúns avances, é grazas á loita colectiva.
2.2 O noso colectivo
Neste apartado dámoslles un tempo para que se agrupen por intereses: ecoloxía, igualdade… Unha vez agrupados, deben pensar que queren facer como colectivo. Isto significa que deben escoller un nome, formular uns obxectivos e definir as súas primeiras accións. A idea con este exercicio é que pensen sobre posibilidades de cambio reais na súa contorna. Se queren, poden acceder ao directorio de ONGDs da CONGD de Galicia para tomar ideas.
Actividade 3. Cooperación (15′)
Esta actividade ten como obxectivo salientar que para conseguir transformacións a gran escala hai que empezar por pequenos cambios. Para iso, vemos o spot “Cambiamos vidas que cambian vidas” de Oxfam. Este vídeo serve para introducir o traballo das ONGD e, sobre todo, para destacar a idea de cada un de nós é responsable de colaborar neses pequenos cambios.
A continuación, falamos do traballo das ONGD’s, tanto a nivel autonómico como internacional para que valoren a participación no movemento asociativo como unha ferramenta de cambio. Así, queremos amosar as diferentes formas de participación activa que existen centrándonos nas oportunidades de voluntariado, tanto en Galicia como no estranxeiro coa idea é que vexan o valor de transformación tanto a nivel persoal como social que teñen estas experiencias.
Actividade 4. Exit Ticket (5’)
Antes de pasar á práctica deben cubrir o seus exit ticket completando, de forma anónima, estas dúas frases:
- O que máis me interesou de EpDLab foi…
- Para o curso que vén eu falaría tamén de…
Actividade 5. Traballo Práctico (25’)
A última parte da sesión estará dedicada á creación audiovisual con móbiles a través da app TikTok Para realizala, deberán facer un vídeo que promova a participación e a colaboración coa ONGD podendo escoller entre tres opcións:
- Presentade a vosa asociación e facede un chamamento para que máis xente se una.
- 3 cosas sobre los ODS que todo el mundo debería saber.
- 3 razóns polas que cooperar é importante.
- 3 motivos para facer voluntariado.
- Escolle unha ONG e explica por que cres que a súa labor é importante.
O resultado deben compartilo por correo ou Whatsapp