Nesta sección achegamos unha análise dos espazos físicos que potencian ou debilitan os procesos de aprendizaxe. O obxectivo é contribuír a unha distribución de espazos que facilite o desenvolvemento da función pedagóxica en coherencia coa definición do rol docente elaborada durante este proceso, e ter estas achegas en conta de cara a aplicar algunhas das estratexias propostas para xestionar a diversidade e para responder a necesidades máis aló do currículo.

Analizamos como se desenvolven as interaccións nos centros de ESO e BAC, e dende o punto de vista do colectivo docente, velaquí as conclusións principais:
- Os espazos positivos son aqueles polos que está pasando moita xente durante todo o tempo: os espazos comúns como os corredores, a biblioteca, etc… Non son espazos pechados nin están asociados a unha persoa, grupo ou materia concreta: polo tanto, recoméndase unha distribución flexible e dinámica dos centros educativos, onde os espazos son propiedade da comunidade educativa dende unha perspectiva holística e que promoven as interseccións entre materias, actividades e relacións sociais.

Neste punto, o patio ou o lugar de recreo pode crear emocións completamente opostas, xa que é un espazo compartido de ocio pero, ao mesmo tempo, activa o rol “autoritario” do profesorado (“aquí nos sentimos policías”).
- Un espazo con emocións positivas asociadas é o departamento de Orientación, e salientan certos momentos cos grupos de FPB, que ás veces son “un chute de enerxía”.
Consideran que a finalidade deste espazo é un exemplo de lugar deseñado para facilitar as interaccións sociais e para fortalecer os vínculos, tanto entre as persoas como destas co seu proceso de aprendizaxe e coa Educación en si mesma.
- Todos os espazos de carga burocrática son percibidos como negativos, así como algunhas aulas concretas, como a aula de Informática, por exemplo: en xeral, os espazos dedicados a funcións estrictamente delimitadas ou a materias concretas dificultan o desenvolvemento dunha aprendizaxe plena.
- Tamén esperta emocións debilitantes a Aula de Convivencia: “só o feito de que exista este espazo xa indica que algo non vai ben”. A proposta non xira ao redor de eliminar este espazo, senón de traballar nas causas e nos acontecimentos que xustifican a súa existencia.
- Respecto aos espazos nos que o profesorado interactúa coas familias, estes tamén son debilitantes porque faise visible a perspectiva comunitaria do ensino como un proceso colectivo no longo prazo en contraposición á perspectiva individual dunha persoa nun momento concreto. O profesorado sinte que ten que xustificar o seu traballo, ao tempo que ser un pouco terapeutas tamén, e que a devolución pode ser unha fonte de tensión. O grupo insiste en que isto non é así sempre, pero que “5 minutos de enfrontamento cunha persoa poden borrar os bos momentos co resto de familias, porque xera un mal rollo que permanece durante días”.
- A sala de profesoras, e máis os despachos de dirección e vice-dirección tamén teñen un dobre impacto: xeran frustración, pola non valoración do traballo e o confrontamento de intereses nalgúns momentos, pero tamén é onde pódese sentir e organizar o traballo en equipo, tanto no profesional como no emocional.