5 reflexións básicas antes de comezar
- O alumnado ten que poder, querer e saber traballar en grupo
- Debemos coñecer ben ao alumnado, e definir obxectivos adaptados á súa realidade
- Participación activa das docentes no proceso: facilitamos o proceso pero, ao mesmo tempo, tamén estamos aprendendo
- Toma de decisións: preguntas e cuestións a resolver antes de deseñar unha situación de aprendizaxe entre iguais
- Uso dunha ferramenta de planificación e deseño
A nosa metodoloxía en 5 pasos
Marco teórico: eixos transversais que definen todo o proceso
- Aprendizaxe inductiva: da observación da realidade ou partes dela, o alumnado adquire coñecementos e/ou habilidades.
- Aprendizaxe significativa: parte da experiencia e coñecementos previos do alumnado, e sempre vinculada ao seu contexto inmediato.
- P2P (peer-to-peer): co-aprendizaxe entre iguais (MMM_article_peer-learning.pdf)
- Educomunicación (educación mediática):
- “Educomunicación: más allá del 2.0”, Roberto Aparici (2010)
- ”Educomunicación: desarrollo, enfoques y desafíos en un mundo interconectado”, Ángel Barbas, 2012.
- Edupunk: aprendizaxe como un proceso centrado na persoa, xestionado de xeito autónomo (DIY: competencias dixitais, comunicativas e aprender a aprender) e apoiado nunha rede de aprendizaxe propia (vinculación con PLE ou entornos persoais de aprendizaxe); a persoa que aprende é, ao mesmo tempo, beneficiaria e motor de cambio da súa comunidade.”experiencias de aprendizaxe” (https://www.lmi-cat.net/sites/default/files/6_universidadnube.pdf)
- Educación Expandida (Educación expandida – Zemos98)
Con estes eixos presente de xeito transversal en todas as fases do proceso, xa podemos comezar a deseñar a aprendizaxe en grupo. Para facelo, propoñemos seguir este percorrido de 10 pasos: 5 reflexións previas e 5 accións metodolóxicas
5 reflexións básicas antes de comezar
- O alumnado ten que poder, querer e saber traballar en grupo
- Debemos coñecer ben ao alumnado, e definir obxectivos adaptados á súa realidade
- Participación activa das docentes no proceso: facilitamos o proceso pero, ao mesmo tempo, tamén estamos aprendendo
- Toma de decisións: preguntas e cuestións a resolver antes de deseñar unha situación de aprendizaxe entre iguais
- Uso dunha ferramenta de planificación e deseño
1. O alumnado ten que poder, querer e saber traballar en grupo
O alumnado ten que PODER traballar en grupo:
- Temos que implantar unha estrutura que lles permita traballar en grupo.
- Deseñar tarefas axeitadas ás súas necesidades (diferenciación curricular)
O alumnado ten que QUERER traballar en grupo: debemos deseñar situacións de aprendizaxe baseadas na interdependencia positiva e na responsabilidade individual.
O alumnado ten que SABER traballar en grupo: deseñar situacións de aprendizaxe que lles permitan desenvolver habilidades de traballo en equipo ao longo das diferentes actividades.
2. Debemos coñecer ben ao alumnado, e definir obxectivos adaptados á súa realidade
Entre o que saben (os seus coñecementos previos) e o que nós, como docentes, queremos que aprendan (obxectivos), adoita haber unha gran diferencia. No punto medio está o que realmente precisan aprender, e aí é onde temos que poñer o foco.
Por exemplo, no obradoiro 3 de EpDLab, trabállase coas migracións e as relacións que establecemos cos colectivos migrantes a través da linguaxe. Nós queremos que aprendan a construír dinámicas de convivencia e igualdade de oportunidades, pero o alumnado pode non entender por que hai xente que chega de forma irregular, ou mesmo pode non saber con certeza que é unha fronteira ou un visado. Así, o que o alumnado precisa aprender está realmente no punto medio entre os nosos obxectivos e os seus coñecementos previos.
3. Participación activa das docentes no proceso: facilitamos o proceso pero, ao mesmo tempo, tamén estamos aprendendo
4. Toma de decisións: preguntas e cuestións a resolver antes de deseñar unha situación de aprendizaxe entre iguais
- Traballaremos con grupos homoxéneos ou con grupos heteroxéneos? Ambas opcións son válidas, pero responden a obxectivos diferentes: mentres que os grupos homoxéneos facilitan a consecución de resultados concretos, os grupos heterexóneos poñen o til no proceso.
- Podemos definir os diferentes roles e respectalos, tanto dentro de cada grupo como no grupo-clase, ou podemos deixar que cada grupo vaia asumindo as diferentes tarefas e creando os seus propios roles.
- A disposición da aula e do alumnado nas mesas pode promover ou dificultar o intercambio.
- Sempre é preciso acordar as normas ou regras do xogo: acordos e compromisos, coñecidos por todo o grupo.
- No deseño, debemos construír unha secuencia de actividades nas que o éxito do grupo dependa da aprendizaxe individual de cada persoa.
- Promoveremos dinámicas de colaboración ou de cooperación? Igualmente, ambas son válidas, pero tanto o desenvolvemento das actividades como o resultado das mesmas será diferente.
5. Uso dunha ferramenta de planificación e deseño
Recomendamos usar sempre unha ferramenta que nos guíe na planificación e no deseño dunha secuencia de actividades. Isto axudará a darlle coherencia, a axustarnos aos obxectivos, a distribuír os tempos e os recursos…
Dende a nosa experiencia, propoñemos traballar cunha combinación de estas dúas:
- Unha unidade didáctica, ou unha situación de aprendizaxe, na que teñamos definido os obxectivos de aprendizaxe, as actividades para acadalos, os recursos precisos e os criterios de avaliación.
- IDDOART: esta ferramenta pode ser tamén compartida co grupo ou co alumnado, e pódese aplicar tanto ao deseño da secuencia completa como ao de sesións individuais.
A nosa metodoloxía en 5 pasos
Despois de pasar por estas 5 reflexións previas, xa podemos deseñar unha experiencia de aprendizaxe entre iguais. Cada unha delas será unha secuencia de actividades para acadar uns obxectivos determinados. Esta secuencia desenvólvese seguindo esta estrutura ou percorrido:
Antes de meternos de cheo no deseño de actividades, velaquí algúns consellos:
- Deseño flexible: o desenvolvemento da actividade debe adaptarse á realidade e aos intereses do grupo, na medida do posible (o que temos previsto que suceda, pode que non suceda finalmente…)
- Tempos flexibles: querer encher cada minuto con algo produtivo dificulta a participación e os intercambios significativos entre iguais.
- Empregar o tempo que for preciso para deseñar as preguntas detonantes, porque son a clave para activar a aprendizaxe.
- Os intercambios e a conversa son o eixo fundamental deste proceso: fomentemos o “máis falar e menos calar”.
- Evitar os estándares: cadaquén atopará unhas respostas que responderán ás súas necesidades e expectativas, pero non pode haber respostas correctas ou incorrectas, senón procesos de activación do coñecemento.
1. Escanear
Comezamos con actividades para coñecer ao grupo máis aló dos datos oficiais: ver como están, que saben sobre o tema que imos traballar, que esperan da sesión…
Recomendamos facer un dobre escaneo: ao principio de curso e ao comezo de cada sesión.
Como se pode consultar na Guía Didáctica, cada unha das nosas sesións comeza cunha actividade de escaneo, como por exemplo:
- Visibilizar as aprendizaxes da última sesión: ao final de cada sesión, recollemos as principais aprendizaxes e dúbidas que puideren quedar, para comezar a seguinte sesión poñendo estas respostas en común co grupo e “escaneando” o seu estado de ánimo cara á sesión que imos comezar.
- A proxección ao futuro: propoñemos imaxinar unha determinada realidade no futuro, o que lles permite expresar as expectativas e retos. Por exemplo, no obradoiro 1 sobre educación, pedímoslles que imaxinen a escola do futuro, ou a súa escola ideal. Esta dinámica tamén funciona co profesorado, co obxectivo de deseñar actividades e proxectos axeitados á súa realidade.
- Ao principio do proxecto, elaboramos a Liña de Base, con preguntas e respostas pechadas, pero sempre deixamos espazos en branco para que acheguen libremente. A sensación de anonimato nestas respostas permítenos facer un escaneo xeral do grupo.
2. Activar o coñecemento
A continuación, poñemos en práctica Actividades para espertar ou activar as emocións e procesos cognitivos que xeren interese polos contidos e habilidades que imos traballar. Para iso, impulsamos as respostas baseadas na experiencia propia, que deixen frontes abertos e que provoquen dúbida, mesmo que leven ao cuestionamento de principios e/ou valores propios.
Velaquí algúns exemplos:
- Exemplo: vídeo de Rosa Díez
- Ex. Sabes distinguir as noticias verdadeiras das falsas?
- Ex. Canto sabes de…?
- Ex. Pegada ecolóxica
3. Comprender
Neste terceiro paso, comezamos a desenvolver unha secuencia de actividades que van gañando en complexidade, poñendo en práctica as habilidades e compartindo co grupo os novos coñecementos, alternando de forma equilibrada:
- Os traballos en grupo pequeno (2-4 persoas): actividades de análise, observación, dúbidas, traballo creativo…
- Os traballos en grupo grande: reflexión colectiva, argumentación, exposición de opinións, intercambio de aprendizaxes…
- Estruturar cada secuencia con dinámicas que promovan diferentes interaccións (grupo grande-pequeno, de pé-sentadas, materiais dixitais-físicos…). Trátase de forzar o cambio de perspectiva, evitar a memorización ou repetición de respostas memorizadas, e de aprender estratexias diversas para acadar os obxectivos.
- Gamificación (retos): exercicios curtos nos que non hai respostas correctas ou incorrectas, con tempos partidos e breves (replicando as dinámicas da narrativa dixital) e tempos limitados para desenvolver os traballos (espertar a motivación por acadar un obxectivo nun tempo limitado).
- A exposición de contidos é necesaria, pero recomendamos que sempre sexa en formato multimedia (vídeos, imaxes, gráficos, sons, infografías…).
- Recomendamos o uso regular de materiais analóxicos: axudan a focalizar a atención (fotocopias, etiquetas da roupa…).
- Sempre facemos devolucións de todas as actividades (moi importante): achegamos e propoñemos solucións ou alternativas.
Unha estrutura base ou “plantilla” para cada actividade destinada a “comprender” podería ser a seguinte:
- traballos en grupo pequeno,
- con reflexión e debates en grupo grande,
- exposición de contidos (sempre formato multimedia)
- devolucións e posta en común.
A continuación, pódense analizar as seguintes actividades aplicando a estrutura anterior:
- Ex. a linguaxe importa
- Texto e imaxes.
- Análise do discurso: recursos lingüísticos usados nas mensaxes dos medios para representar a outros colectivos, e impacto desta narración nas relacións sociais.
- Vinculación coa realidade ou contexto: discriminación sufrida por algunhas persoas porque a súa orixe, cultura ou raza está asociada a condutas delituosas, ilegais ou contrarias aos valores sociais consensuados.
- Ex. Subxectividade+identificar información manipulada+discurso de odio
- Ex. Paseo polo batey La Balsa
4. Prototipar ou crear
Este paso consiste en elaborar un produto ou resultado concreto, audiovisual no noso caso, que exprese a súa conclusión e/ou reflicta a súa experiencia de aprendizaxe.
- Trátase dun resultado elaborado en grupo: a conclusión debe reflectir as achegas de todos os membros do grupo.
- Non existen os estándares: traballamos con habilidades e desenvolvemento persoal (elaborar 5 memes correctos vs aprender a recoñecer o discurso e a expresar ideas propias)
- Como docentes, guiamos ao grupo na xestión do reparto de tarefas e no desenvolvemento dos roles, pero non tomamos decisións.
- É un paso fundamental para poñer en valor as habilidades múltiples: deixar espazo á creatividade para identificar “intelixencias diversas” e darlles valor no resto de actividades.
- Esta é tamén unha ferramenta de observación de aula: permite identificar fortalezas e debilidades de cada grupo e de cada individuo.
5. Avaliar
Seguindo a nosa proposta metodolóxica, a avaliación debe ser:
- Continua: debe ter resultados en cada unha das sesións, para comprobar os avances, ou ver se hai que reforzar algo.
- Formativa: defendemos a avaliación para a aprendizaxe, contra a avaliación da aprendizaxe. Os estándares de avaliación miden a aprendizaxe, isto é, son unha cualificación sobre a aprendizaxe adquirida. Dende o noso punto de vista, é fundamental visibilizar os resultados e compartilos co grupo para que a avaliación sexa tamén unha ferramenta de aprendizaxe.
- Hai que establecer rutinas no longo prazo: integralas de xeito orgánico no día a día (saber, querer e poder: punto 2 das reflexións previas). Para que a avaliación sexa relevante como ferramenta de aprendizaxe, debe ser parte da rutina de alumnado, quen debe coñecer as dinámicas e os obxectivos da mesma.
- Recomendamos deixar espazo para a auto-avaliación do traballo en grupo: que o grupo poida identificar as súas fortalezas, posibles melloras e obxectivos comúns cara á súa aplicación en contextos futuros.
Algunhas preguntas que poden guiar o deseño das actividades de avaliación son:
- Adquiriron novas habilidades ou desenvolveron algunhas das que tiñan?
- Achegámoslles algún coñecemento novo? Hai contidos que agora comprendan e apliquen nas súas respostas?
- É preciso afondar máis nalgún contido? (definición, características, relación coa realidade na que se insire…).
- Houbo algún cambio de actitudes e comportamentos respecto á desigualdade global? en que medida?
- Que cousas non funcionaron ben ou non lles quedaron claras?
- Soubemos responder as todas as dúbidas ou inquedanzas?